Información xeral

Os Documentos de Traballo en Ciencias da Linguaxe (DTCL) son un proxecto electrónico editado polos membros do grupo Gramática, Discurso e Sociedade (GRADES) da Universidade de Vigo que publica maioritariamente traballos de investigación orixinais e inéditos, así como traducións de artigos publicados noutras linguas.

Esta revista científica cobre a área da Lingüística entendida nun sentido amplo, desde a Lingüística Xeral, ata a Sociolingüística, a Tradutoloxía e outras ramas da Lingüística Aplicada. Dentro deste eido transdisciplinar o contido temático é aberto.

Esta revista ten unha periodicidade anual e a recepción de orixinais está aberta todo o ano. O seu formato de publicación é acumulativo e o peche de cada número efectúase en decembro.

Sobre o proceso de revisión

As propostas de artigos recibidas son avaliadas, primeiramente, polas persoas editoras segundo os criterios de adecuación temática e formal. Para a adecuación formal ás normas de publicación da revista pode descargar o modelo aquí. Esta primeira revisión xera un informe que pode resultar na negativa de publicación, na revisión obrigatoria de certos contidos ou na súa aceptación para o proceso de revisión por pares.

Despois deste primeiro proceso de revisión, o artigo será anonimizado e avaliado por dúas persoas do comité científico (dobre cego). Este informe enviarase a autora por medio das persoas editoras á fin de que acometa as revisións obrigatorias indicadas e de que valore as suxestións da revisión do comité científico.

Finalmente, serán as persoas editoras quen determinen se o artigo é apto ou non para ser publicado baseándose nos informes do comité científico e no resultado final do artigo tras o proceso de revisión final.

Cuestións adicionais

Todos os artigos publicados rexístranse a través dunha licenza de Creative Commons BY-NC-SA 4.0. Permítese a distribución, copia e exhibición do artigo sempre que se indique a autoría e se referencie correctamente a publicación onde se atopa. A autora conservará os dereitos de atribución sobre a obra. O envío de orixinais a esta revista implica a aceptación destes termos.

As publicacións noutras revistas de traballos previamente aparecidos nestes documentos de traballo deberán contar coa autorización expresa da revista e debe ser responsabilidade do autor obter este permiso. Se así fora, fágase referencia nunha nota de páxina a unha versión previa referenciando a esta publicación.

Todos os artigos deben cumprir o código ético da universidade de filiación e/ou da súa asociación profesional de referencia. O envío dun orixinal a esta revista supón á aceptación desta forma de traballo así como o compromiso do autor ou autora a cumprir os prazos marcados polo equipo editorial.

Esta revista está indexada no catálogo LATINDEX e DIALNET.